Os alumnos do IES Agra do Orzán acudiron este luns 28 de novembro a ver o filme Sicixia.
Sicixia*, filme de Ignacio Vilar, inspírase na cultura popular galega: música, fala dialectal da zona da Costa da Morte, rapa das bestas, marisqueo das mulleres, etc. Mais é de destacar o papel protagonista dos sons que funden o espectador na paisaxe sonora da natureza: os sons das ondas contra os cantís, do vento entre as árbores, das aves, do mar nas furnas ou mesmo da lingua galega.
Este mundo costeiro serve de contexto e ambientación á relación amorosa entre os dous personaxes centrais do filme: Xiao, un enxeñeiro que recibe o encargo de gravar os singulares sons da Costa da Morte e Olalla, que lle axudará a se mergullar na idiosincrasia desta zona de Galicia.
*‘Sicixia’, que toma como título o termo astronómico que define o momento no que se aliñan os centros do Sol, da Terra e da Lúa
Fernando Ron , profesor de Lingua e Literatura Galega