DÍA DE ROSALÍA 2020

A Asociación de escritoras escritores en lingua galega, no seu manifesto, propón a Rosalía errante que denuncia as inxustizas que ve ao seu redor. Malia que celebremos este día xunto co día da muller o vindeiro 8 de marzo, queremos achegarvos o manifesto da AELG, cargado de verdade e de sentimento Rosaliano, e mais os versos do poema “Tan sóio” de Follas novas.

Os dous, da terra lonxe

andamos e sufrimos, ¡ai de min!

Mais ti que tan sóio te recordas dela,   

i eu, dela e máis de ti.

Ambos errantes polo mundo andamos

i as nosas forzas acabando van.

Mais ¡ai!, ti nela atoparás descanso,

i eu tan sóio na morte o hei atopar

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020

Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra.

Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo.

A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.

Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.

Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.

Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha  anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo.

Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outresA miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixoSi, o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.

Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.

É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!

Daniel Asorey

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s