Como blog dunha biblioteca escolar, queremos amosarvos hoxe o que opinaba del o seu alumnado e a xuventude dos anos 80. Exerceu a docencia en Ferrol, en Lugo e en Santiago onde foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Inicialmente traballou en centros privados, represaliado tras a Guerra Civil, mais como exemplo de traballo, constancia e afouteza, acadou o seu posto no ensino público pasados os cincuenta e cinco anos.
Se hai algo que deixan claro os seus discentes e a xuventude que o tratou é a consideración dun nome necesario na historia da nosa cultura e a admiración que sentían e senten por el. Como Dores Cao, profesora de Lingua e Literatura, que nesa época ademais de estudante traballaba na libraría Couceiro e cando o viu entrar coa televisión que o estaba a gravar afastouse discretamente e el díxolle: “Póñase comigo, que aquí sempre estamos xuntos…” (vid. minuto 9:35).
O “vello profesor” sempre nos trataba de “vostede”, como manifesta Pilar Pallarés, alumna del, ex-profesora e poeta, autora de dúas escolmas poéticas de Carvalho Calero:
“Para min supuxo a descoberta de que a lingua dos pais, perseguida e humillada, tiña sido a dunha das grandes líricas da Idade Media, xunto coa árabe e coa occitana, e que me abría camiños que me levaban mui lonxe no espazo e no tempo. (…) Como profesor Carvalho era severo, irónico e erudito. Tíñamoslle moito respeito e quizais éramos novos e inexpertos demais para entender a súa ironía, mais non para enxergar a paixón na súa erudición. No meu caso, ao Carvalho profesor superponse o que tan xenerosamente nos tratou como colegas na derradeira década da súa vida. Carvalho é a lealdade, o antiegotismo, a lucidez, a perseverancia, a resiliencia, a alianza de paixón e esixencia crítica, a ecuanimidade. É un xigante sen o que a nosa lingua e a nosa literatura serían infinitamente máis precarias.
Rematamos co poema “Deus” de Carvalho Calero musicado por 2naFronteira