













Onte celebramos as Xornadas de Bibliotecas Escolares onde o lema deste ano é “A biblioteca escolar ten a palabra” e o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela encheuse de palabras:
- Palabras sabias como as de Carlos Escolari que transmitían novas oralidades, que falaban futuro para a memoria oral… ou as de Susana Pedreira e a ética da palabra
- Palabras cotiás alicerce dos grandes conceptos filosóficos como as que nos trouxo Manuel Andrade do CEE Manuel López Navalón, quen nos presentou o seu alumnado de carpintaría, verdadeiros “makers”, artesáns da palabra na biblioteca
- Emotivas palabras radiofónicas de Purificación Vázquez Silva do CIFP Ánxel Casal da Coruña que nos achegou o legado de Carmen Loriga Tomé, alma da creación da radio escolar
- Palabras musicais de Rafael Sánchez-Agostino do CEIP A Lama que nos permitiron escoitar os instrumentos do Pórtico da Gloria
- Palabras menciñeiras de Alicia Nimo do CEIP Plurilingüe de Outes vinculando a oralidade no marco do PDI “Mens sana in corpore sano”
- A palabra multifiunción na biblioteca de Aurora Ramilo do CEIP plurinlingüe de Leirado que recita, narra, informa, dramatiza, conversa, entrevista…
- A palabra dos clubs de lectura que nos trouxo Anxos Rial do IES Sánchez Cantón
- E como non, a palabra do conto, a oralidade do conto, a reivindicación da literatura oral tradicional pura, diversa, cambiante, chea de vida que nos trouxeron Pep Bruno e Paula Carballeira. A necesidade de contar, a oralidade como paso previo á literatura, a importancia de conservar a oralidade para conservar a lingua, a cultura.
“É importante facer imaxinar a través das imaxes que poden crear as nosas palabras” Paula Carballeira.