LECTURAS PARA O VERÁN

Logo dun último trimestre cheo de actividades que puidestes seguir no noso ínstagram, recomendámosvos a lectura duns dos últimos títulos adquiridos na biblioteca. Esperamos que sexan do voso gusto.

Gozade do verán

Gozade da lectura e, se é con música de fondo, presta máis, non si?

SEGUNDO TRIMESTRE E BOLETÍN DE ABRIL

Malia que non o pareza, xa vai aló o segundo trimestre de curso.

Como podedes ver polo noso instagram, nestes tres meses, na biblioteca vivimos intensamente: o X aniversario da Biblioteca Ágora a través dun mes de xaneiro onde concentramos a alfabetización informacional que realizamos conxuntamente; o Día da Paz e non violencia e o Día da Ilustración; o mes de febreiro rosaliano e da lingua materna coa visita dunha Rosalía moi particular que nos presentou a súa vida e obra; o Entroido tan desexado logo destes últimos dous anos de máscara obrigada e non desexada; o Día internacional da muller; o Día da poesía…

Se no primeiro trimestre tivemos a visita de Séchu Sende, neste segundo gozamos da presenza de Andrea Maceiras para falarnos de Europa Express.

Un ano máis tivemos a sorte de poder asistir ao festival Con Voz de Primavera que organiza a Asociación veciñal Agra do Orzán onde o noso alumnado tivo un papel protagonista na representación da obra Finlandia.

E xa para finalizar, aquí tedes o acostumado Boletín de abril con recomendacións lectoras.

BOLETÍN VERÁN 2021

Logo dun curso cheo de incertezas e valentía chegamos ás tan agardadas vacacións estivais.

Demostrastes fortaleza e resilencia. Por fin é hora de descansar, recuperar esas materias que nos quedaron para setembro e cargar as pilas para o vindeiro curso.

Desde a Biblioteca desexámosvos un verán para o recordo cheo de saúde, sorrisos, ilusión e como non, de lecturas que vos transporten onde quixerdes.

PASEO POLA “FRAGA MILMAÑAS” CON MANEL CRÁNEO

Sen dúbida, este Día do Libro de 2021 será recordado polo alumnado de 1º da ESO-B. Logo de gozarmos coa exposición gráfica das súas versións do libro de banda deseñada A fraga Milmañas de Manel Cráneo e Carlos Amil, o propio Manel Cráneo visitounos para compartir con ese grupo parte da súa xornada escolar onde recibiron unhas nocións básicas de debuxo de banda deseñada.

O tempo pasou voando como as elipses argumentais que tan ben soubo plasmar o alumnado nos seus exercicios como ilustradoras e ilustradores.

Agradecémoslle á Subdireción Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas a celebración deste tipo de encontros. Nunca a presenza de autoras e autores entre o noso lectorado foi tan significativa como agora.

LIBROS VIVENTES

Outro ano máis, e a pesar da pandemia que estamos a vivir, o alumnado de 4º ESO puido compartir vivencias e testemuños con Emma Pedreira (poeta), Xulia Pisón (ilustradora), Anabel Colazo ( debuxante e ilustradora) e Alberto Cernadas (músico e produtor), grazas ao proxecto Libros Viventes impulsado, unha vez máis, pola Biblioteca Ágora. Foi unha experiencia moi enriquecedora e divertida para o noso alumnado.

Grazas especialmente ás bibliotecarias Nuria e Eva por coidar e ensinarlle ao noso alumnado a facer comunidade entre libros!!!.

Deixámosvos a ligazón ás  fotos no Flickr das Bibliotecas Municipais. 

Tamén compartimos a ligazón ao blog da Biblioteca Municipal Ágora, para que miredes a entrada no blog sobre a actividade.

SUMA ÁGORA

CLUB DE LECTURA DE 1º E 2º ESO E ENCONTRO CON ANDREA MACEIRAS

Despois de dúas reunións no Club de Lectura de 1º e 2º ESO falando de Sherezade e descubrindo o amor polos libros que nos transmite a lectura de Miña querida Sherezade e Conta nove estrelas, tivemos a sorte de poder compartir, por videoconferencia moitos sentimentos e curiosidades coa autora das nosas lecturas, Andrea Maceiras.

Convidounos a escoitar o son das estrelas e contounos que podemos atopar poesía na ciencia . Fermosas e interesantes as súas palabras.

ENCONTROS INTERBIBLIOTECARIOS

O pasado 8 de abril tivemos o pracer de ser convidadas xunto con Casildo Macías, responsable das Bibliotecas escolares da Junta de Extremadura, para charlar sobre Bibliotecas escolares cun grupo de bibliotecarios moi divertidos e creativos , que teñen unha canle en youtube chamado BiblioTeConecta. O grupo intégrano dúas Bibliotecas autonómicas da Rioxa e de Ourense e dúas municipais de Cádiz e Montijo. Falamos das Bibliotecas escolares en Galicia, e da Biblioteca do noso centro. Foi unha experiencia moi enriquecedora !!!.

Podes vela neste vídeo