LIBROS DESDE AS VENTÁS. DÍA DO LIBRO 2020

Este ano celebramos o Día do Libro de xeito moi especial, confinados nas nosas casas para evitar a propagación da COVID-19 . Pero esta situación non impediu que sentísemos a liberdade que nos transmite a lectura. 

O profesorado e o alumnado fixo fotos de libros nas ventás das súas casas. Coas fotos fixemos estes dous vídeos.

 

NAI

POEMA NAI XOHANA TORRES IMG_4008

No día de hoxe, deixámosvos estes versos de Xohana Torres,  poeta pertencente á Xeración das Festas Minervais, neste mes de maio en que homenaxearemos tamén o seu profesor Carvalho Calero, da Xeración do 36. Ambos teñen como “enlace” común a Luz Pozo Garza que recentemente nos deixou.

Gozade tamén das palabras de Xohana na voz de Guadi Gallego, que as musicou.

Para todas as nais que están… e para as que sempre nos estarán a mirar.

DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Fagamos primeiro un pouco de historia:

“A UNESCO decidiu celebrar conxuntamente o Día do Libro e dos Dereitos de Autor atendendo á casualidade de que a morte de Cervantes (o 23 de abril de 1616 no calendario gregoriano) se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare (no calendario xuliano). Na Inglaterra daquel tempo aínda se utilizaba o calendario xuliano, que tiña unha diferenza de 10 días co calendario gregoriano que se usaba en España. Shakespeare, polo tanto, morreu 10 días despois de Cervantes. Ese mesmo día tamén se conmemora a morte do primeiro escritor mestizo, Inca Garcilaso de la Vega, fillo do conquistador Sebastián Garcilaso de la Vega e da princesa Inca Elisabet Chimpu Occlo, irmá de Huayna Capaz, último emperador indio. (Datos tirados da Galipedia)

Hoxe celebramos o Día mundial do libro e do dereito do autor dun xeito especial, conscientes como somos de que os libros son as nosas ventás ao mundo, os que eliminan barreiras e unen.

Lede o texto que Manuel Gago cedeu para reflexionarmos sobre a importancia da lectura:

diptico_diadolibro_20_2

E agora abramos un libro, e gocemos da lectura, como fai o noso alumnado.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Agardamos por máis imaxes vosas para mañá.

DÍA DO TEATRO…NA CASA!

LANCE PRIMEIRO

A vida é un teatro e cada día vemos nas televisións os pequenos-grandes escenarios das vosas casas.

Convertémonos en actores e actrices de primeira facendo que as horas pechadas sexan ventás abertas á fantasía, ao xogo, á educación…á vida.

Para todas as persoas que conforman o elenco da compañía teatral dos nosos fogares é hoxe o seu día, o Día Mundial do Teatro.

LANCE SEGUNDO

O teatro, sen dúbida contaxia enerxía e fainos loitar contra a apatía, como podemos ler na mensaxe escrita para esta ocasión polo dramaturgo paquistaní Shahid NADEEM.

EPÍLOGO

Aquí van dúas recomendacións: de lectura pensando na figura a quen lle dedican o Día das Letras este ano,  e de teatro como acto comunicativo co seu público, pois serán as peciñas de Fran Godón que parte do alumnado representará no festival Con voz de primavera. Cheas de enerxía, de retranca, de humor…

Aquí debera ir un: BAIXA O PANO, ou un ESCURO, pero hoxe queremos deixar o pano ergueito e as luces acesas para as vosas representacións diarias..

DÍA DA POESÍA 2020

Quedamos na casa, si, e quedaremos o tempo que sexa preciso. Mais hoxe queremos encher de liberdade os fogares coa poesía, ese “gran milagre do mundo”.

LUIS PIMENTEL

A POESÍA É O GRAN MILAGRE DO MUNDO

Insinareiche sin berros.

O poeta é un mestre sin ira.
Levareite ó meu reino,
onde te agarda
a bandeira da espranza.
Non che amostraréi aquéla
triste, abatida sobre o mastro,
solitaria baixo unha chuvia cincenta.

Estou arrepentido de pensar
que o máis brosmo e brután dos homes
non poida descalzarse
pra entrar no noso reino.

(¡A poesía é o gran milagre do mundo!)

Eu farei que olles a través das túas maos toscas
a luz da túa sangre.
Puliremos a túa frente de seixo
hasta case facela lúa.
Non che farei erguer pesadas pedras,
nin subir o monte máis alto
onde cravada está
a bandeira do meu verso,
nin soster cos teus hombros as noites.
Todo esto xa o ten feito o poeta
por ti, pra ti e máis pra o mundo.
Eu asegúroche que quedarás enviso
fitando prás estrelas.

O xoto palpexar das túas maos
chegará a conocer as rosas invisibles na noite.
Sentirás o borboriño da propia sangre
i o silencio que todos levamos
cando digas:
os seos da miña amada…
Quedarás deslumbrado pola súa luz,
baixo da sombra verde no bosque.

(¡A poesía é o gran milagre do mundo!)

Faremos música do teu vocerío.
Eiquí estamos coa túa lingoaxe vulgar.
Nomearás calquera cousa
–árbol, cabalo, pedra…–
e veralos nacer coa súa vida máis íntima,
cos seus contornos máis puros.

Olla esa formiga,
ise argueiro mouro…
¿Que delicados dedos de alfareiro
puideron modelar tan pequechiño corazón,
que latexa agora baixo dos altos árboles?
¿Non te decatas de que se moveu o silencio?
É esa noitarega
que nesgou o bosque:
doces, xordas plumas,
abanador da noite.

Sombra do aire na herba, 1959.

Facédelle un oco aos versos e deixádeos voar pola casa. Lédeos, recitádeos de memoria para vós, para a familia, para a veciña do balcón… GOZADE COA POESÍA.

DÍA DE ROSALÍA. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

A Biblioteca e mais o Equipo de Dinamización da Lingua (EDLG) quixemos celebrar da man estes dous días tan sinalados. Coa Rosalía como luceiro guía, quixemos simbolizar todas esas autoras “invisibles” que temos nos andeis. Foi un acto sinxelo mais necesario.

En primeiro lugar leuse o MANIFESTO DA ASOCIACIÓN ESCRITORES ESCRITORAS EN LINGUA GALEGA (AELG). “ERRANTES POLO MUNDO ANDAMOS”, logo un vídeo para coñecermos algo máis a vida de Rosalía, logo CINCO COUSAS QUE QUIZAIS NON SABIADES DE ROSALÍA  e fixádevos se a nosa autora é importante que ATA XA HAI UNHA ESTRELA CO SEU NOME. Como sabemos que hoxe en día o nome de Rosalía vos trae á mente outra muller, amosámovos o traballo que sobre o poema rosaliano “Castellanos de Castilla” e a canción “Malamente” fixo o alumnado do CPI As Mirandasde Ares.

Rosalía sempre reivindicou a igualdade entre os xéneros. Pois ben, igualdade, esa é a temática central da celebración do 8M deste ano.

Escoitastes atentamente  AS PALABRAS DA DIRECTORA DE ONU MULLERES (Phumzile Mlambo-Ngcuka) e reflexionastes cos  DATOS QUE NOS AMOSAN A DESIGUALDADE existente aínda hoxe en día. Por último, o alumnado de Francés amosounos a súa visión ante o caso Polansky que suscitou grande polémica en Francia. 

Desde aquí, agradecerlles ás presentadoras e presentadores do acto a súa xenerosidade;  a todas e todos vós, o respecto que amosastes durante este sinxelo, pero necesario, acto para toda a comunidade educativa.

 

DÍA DE ROSALÍA 2020

A Asociación de escritoras escritores en lingua galega, no seu manifesto, propón a Rosalía errante que denuncia as inxustizas que ve ao seu redor. Malia que celebremos este día xunto co día da muller o vindeiro 8 de marzo, queremos achegarvos o manifesto da AELG, cargado de verdade e de sentimento Rosaliano, e mais os versos do poema “Tan sóio” de Follas novas.

Os dous, da terra lonxe

andamos e sufrimos, ¡ai de min!

Mais ti que tan sóio te recordas dela,   

i eu, dela e máis de ti.

Ambos errantes polo mundo andamos

i as nosas forzas acabando van.

Mais ¡ai!, ti nela atoparás descanso,

i eu tan sóio na morte o hei atopar

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020

Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das mulleres. Toda a terra.

Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo.

A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.

Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.

Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.

Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha  anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo.

Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outresA miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixoSi, o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.

Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.

É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!

Daniel Asorey

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

DÍA DA PAZ 2020

Acaso non hai nada mellor que compartir a paz? Esa foi a nosa sensación cando o IES Agra do Orzán se uniu á cadea humana pola paz e a diversidade entrelazada polas mans de máis de catro mil alumnos e alumnas de 20 centros de ensino da Coruña. Deixámosvos as imaxes do día e mais o manifesto escrito por Beatriz Maceda Abeleira,  coordinadora (e escritora) da biblioteca do CEIP Raquel Camacho, colexio impulsor desta iniciativa.

MANIFESTO DA PAZ 2020

Hoxe, celebramos o Día da Paz; nenos e nenas, mestres, mestras, familias, saímos dun mesmo lugar, as nosas escolas, porque como dixo Malala Yousafzai: “Un neno, unha mestra, un libro, un lapis poden cambiar o mundo”.

Nós tamén cremos que non hai mellor menciña contra as guerras, a fame, a desigualdade e a intolerancia que a educación.

Unimos as nosas mans desde o Milenium, erixido para conmemorar o século XXI, un século que queremos sexa de Paz en todo o mundo e, con elas,  fixemos unha onda que quere ser océano de ilusión, dun soño posible para todas as persoas de calquera cultura, crenza ou ideas baseadas no respecto, na igualdade e na liberdade.

Das nosas mestras e mestres esperamos que sementen en nós coñecementos que provoquen preguntas, que nos axuden a formarnos no respecto á diversidade. Dos libros esperamos, que abran portas á reflexión para, con ese lapis, escribir unha historia nova que, como este faro ilumine sendeiros de paz.

O artigo décimo da Declaración dos Dereitos da Infancia di:

O dereito para ser criado cun espírito de comprensión, tolerancia, amizade entre os pobos e irmandade universal.

Velaí o camiño cara a Paz.

Moitas grazas ás vosas mans cómplices, fortes e decididas que deixamos hoxe como a nosa persoal pegada dun mundo posible, no que tezamos unha rede de afecto e respecto feita cos fíos da paz e a igualdade.

Premio Nacional de Cómic 2019

O Premio Nacional do Cómic é un galardón que o Ministerio de Cultura outorga anualmente (en outubro ou novembro) desde 2007, como parte dos Premios Nacionais. Está dotado cunha contía de 20.000 euros e distingue a mellor historieta de autor español publicada no país durante o ano anterior á entrega do galardón, en calquera das linguas cooficiais.

 Cristina Durán Costell, Miguel Ángel Giner Bou e Laura Ballester Beneyto foron galardoados co Premio Nacional do Cómic 2019 por El día 3 (Astiberri Ediciones, 2018).

23

O 3 de xullo de 2006,  producíase o accidente de metro máis grave de Europa, con 43 mortos e 47 feridos de gravidade. Ante o abandono por parte das institucións, as familias organizáronse para buscar responsables e xustiza e reuníronse durante case dez anos, cada día 3 do mes, na praza da Virxe de Valencia.

Para a realización da novela gráfica galardoada, os autores baseáronse nas investigacións da xornalista valenciana Laura Ballester, reflectidas no libro Loitando contra o esquecemento, o longo camiño das vítimas do metro de Valencia (2015). Contaron co  asesoramento da AVM3 J (Asociación de Vítimas do Metro 3 de xullo).

A obra gañou o Premi Ciutat de Palma de Còmic de 2016 e está publicada en castelán e valenciano.

Una de las ilustraciones de 'El día 3', Premio Nacional de Cómic 2019.

Unha das ilustracións de El día 3, Premio Nacional de Cómic 2019.

XOGOS LÓXICOS NO DÍA DA BIBLIOTECA

24 outubro, Día da Biblioteca. E no noso instituto quixemos impulsar a biblioteca STEM con obradoiros de xogos lóxicos dinamizados polo alumnado do Club de Ciencias.

 

Foi unha mañá chea de actividade, xa que tamén tivemos formación de usuarios e usuarias de 1º da ESO. Durante a súa preparación, recibiron a visita de alumnado de 2º de Bacharelato que veu explicarlles por que celebrabamos hoxe o Día da Biblioteca e leulles o pregón “A sen conto” que Gemma Pasqual escribiu para tal data.

O pase de diapositivas require JavaScript.

O resto do alumnado de 1º da ESO escoitou tamén nas súas aulas “A sen conto” lido polas compañeiras e compañeiros de 2º de BACH.