Un ano máis, toda a comunidade educativa do IES Agra do Orzán amosou a súa empatía coas mulleres maltratadas no Día internacional pola eliminación da violencia contra a muller. Da chamada da Biblioteca para concretar accións xurdiron sen dubidar actividades para demostrar a nosa repulsa contra o maltratador, pero sobre todo para dicirlles a elas que aquí estamos para que conten connosco, para que saiban que seremos a súa voz cando elas non se atrevan nin a abrir a boca; as súas forzas cando a elas xa non lles queden; o seu sorriso ante a liberdade cando pensen que o perderon…
E o alumnado de Plástica converteuse en ebanistas de primeira baixo a supervisión da súa profesora Laura Velasco e abriron portas violetas para mitigar o sufrimento.
E o alumnado de Francés, con François, María e Manou, deseñou carteis e confeccionaron pulseiras con mensaxe de agasallo para o público asistente.
E o alumnado de Lingua Castelá de 1º da ESO, con Puri, escribiu en traballo colaborativo un poema que logo nos leron na celebración.
E o alumnado de Literatura Universal, con Rosa, elaborou marcadores de páxinas con citas de autoras e autores de todos os tempos.
E quixo acompañarnos tamén a Asociación de veciñas e veciños do Agra a través dun dos seus máis destacados e activos membros, Ricardo Seixo, mestre retirado e poeta que nos leu un poema escrito para este día.
E o alumnado de Bacharelato encargouse da presentación e da gravación do evento.
E os integrantes do club de poesía encheron carteis baixo o denominador común que queriamos para este día: LIBRES!
Velaquí as imaxes. Graciñas un ano máis.
This slideshow requires JavaScript.