A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz

Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes cambios.  Miguel Mendiguren, un home próximo aos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. gagarinDaquela el tiña dez anos e gañara un concurso escolar de redacción cun traballo sobre esa primeira viaxe espacial. A raíz diso, os outros nenos pasan a chamarlle Gagarin, un sobrenome que o acompañará durante toda a súa infancia e adolescencia. Miguel lembra os seus anos mozos, na Coruña da década dos sesenta. A súa  familia aparenta ser coma as outras, mais esconden perigosos segredos que Miguel irá desvelando a medida que se complica a vida. Unha vida na España desa época, coa ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas, coa ameaza permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime. E tamén coa oposición clandestina. Naquel tempo de mocidade, Miguel tamén experimenta a revolución interior que supón namorarse.

Para máis información podedes consultar o blog do autor.