RETOMANDO A NORMALIDADE PASENIÑO PERO SEN PAUSA

Reabre este curso a biblioteca volvendo ao seu espazo natural. Os libros, as mesas, as cadeiras, os andeis, recobran uso de seu. Xa vos temos lendo, facendo traballos, buscando información na sala de lectura. Benvidas e benvidos á vosa biblioteca.

Coma sempre, un primeiro contacto con Eva e Nuria, bibliotecarias do centro Ágora para dinamizar actividades conxuntas. Este curso concentraranse en xaneiro, xa que é o X aniversario da biblioteca Ágora.

E un ano máis, fostes vós quen nos destes a enerxía suficiente como para comezar cos clubs de lectura. Este ano van ser sete: Club de banda deseñada, Club Babel, Club de poesía, Club LGTBIQ+, Club de teatro LGTBIQ+, Club de francés e o recén incorporado Club de lectura científico. No que queda de mes poñeremos todos en funcionameto. Esteade atentas e atentos ás convocatorias nas redes sociais e nos anuncios que poñeremos na porta da Biblioteca.

Agradecémoslle á nosa profesora de plástica, a ilustradora Laura Velasco o deseño que será a carta de presentación para o club LGTBIQ+.

Outubro é día sinalado na literatura galega. O Premio Nacional de Literatura recaeu sobre a obra de Xesús Fraga: Virtudes (e misterios). Xa a tedes á vosa disposición desde hai meses.

Onte, Día das escritoras, quixemos que nos nosos andeis desen a cara para así identificar mellor a súa obra.

Velaí vos vai este comezo de curso en imaxes, e se queredes, tamén podedes acceder a todas as nosas actividades no instagram da biblioteca

COMPARTINDO LECTURAS NA DIVERSIDADE

No IES Agra do Orzán o primeiro club de lectura que se formou foi BABEL. Se nos fixamos no título desta entrada, parece haber unha conexión co nome, non si?

Pero coa torre de Babel, non coa Biblioteca de BABEL, da que Borges nos dá boa conta. A nosa biblioteca é accesible, rectangular e está formada por máis de cinco andeis, con máis de 32 libros cada andel. A nosa biblioteca non existiu ab aeterno, e as bibliotecarias non somos obra do azar ou dos demiúrgos malévolos como no relato borgiano.

Hai catro anos entramos no PLAMBE e para o vindeiro curso BABEL cumpre unha década. No ano 2013-2014 entramos a formar parte do grupo DADO, integrado por institutos da Coruña que comparten inquedanzas lectoras e pouco e pouco fomos medrando.

O nome xenérico do noso club de lectura conecta máis con estoutra foto, tirada do artigo que La Voz de Galicia publicou en 2018 e que podería ser, tranquilamente, do xornal de hoxe. Somos diversidade con inquedanzas lectoras diversas. De aí a oferta variada de clubs de lectura que temos partindo de Babel hoxe en día. De aí que non tardase nada en saír do armario o noso querido club LGBTIQ+

Previsións para o futuro? Reactivar plenamente a cooperación coa Biblioteca Ágora, Reactivar o club de francés Délicieux, crear un de lectura en portugués… mais sempre procurarmos satisfacer as necesidades lectoras do noso alumnado diverso e único.

LIBROS VIVENTES

Outro ano máis, e a pesar da pandemia que estamos a vivir, o alumnado de 4º ESO puido compartir vivencias e testemuños con Emma Pedreira (poeta), Xulia Pisón (ilustradora), Anabel Colazo ( debuxante e ilustradora) e Alberto Cernadas (músico e produtor), grazas ao proxecto Libros Viventes impulsado, unha vez máis, pola Biblioteca Ágora. Foi unha experiencia moi enriquecedora e divertida para o noso alumnado.

Grazas especialmente ás bibliotecarias Nuria e Eva por coidar e ensinarlle ao noso alumnado a facer comunidade entre libros!!!.

Deixámosvos a ligazón ás  fotos no Flickr das Bibliotecas Municipais. 

Tamén compartimos a ligazón ao blog da Biblioteca Municipal Ágora, para que miredes a entrada no blog sobre a actividade.

SUMA ÁGORA

SUMANDO ESFORZOS COA BIBLIOTECA ÁGORA ARREDOR DO 25 N

A Biblioteca Ágora levou a cabo, co alumnado de 2º ESO do noso instituto, unha campaña polo #25 NDía da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres, co obxectivo de visibilizar o papel das bibliotecas como espazos potenciais de contribución á transformación social.

Deixámosvos a ligazón ao blog da Biblioteca Ágora arredor do Día da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres.

BLOG SUMA AGORA

ALFABETIZACIÓN INFORMACIONAL EN 2º ESO CONTRA A VIOLENCIA SEXUAL

Neste mes de Novembro a Biblioteca Ágora puxo en marcha, un curso máis, para o alumnado de 2º ESO do noso centro un proxecto de Alfabetización Informacional en torno ao 25 N. Fixeron busca, localización, análise e comprensión de contidos sobre violencia sexual. Coñeceron títulos que abordan esta temática e que contén o catálogo das Bibliotecas Municipais.

A rapazada gozou coa proposta aínda que tivese que ser adaptada aos tempos da Covid-19. 

Agradecemos á Biblioteca Ágora por colaborar con nós un ano máis e proveitamos para compartir as ligazóns ás imaxes que seleccionaron de todas as sesións realizadas, así como tamén o enlace da programación do #25N das Bibliotecas Municipais e da súa guía de lectura.

FOTOS EN FLICKR

FOTOS NO TWITTER 

25N NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DA CORUÑA

GUÍA DE LECTURA #TiDecides 

A BIBLIOTECA ÁGORA NOS VISITA

Estes días tivemos nas aulas de 1º da ESO a Eva e a Nuria, que deixaron por unha horas o seu posto na biblioteca Ágora para viren amosarvos todo un mundo de aventuras que se agocha nos libros. Primeiro realizaron a alfabetización informacional na aula, logo iredes vós ata a biblioteca Ágora para xogar e aprender. Apetece, non si?

Libros Vivintes 2019

O  alumnado de 4º ESO participou nunha nova edición de Libros Vivintes, organizado pola Biblioteca Ágora.

Compartiron experiencias co escritor Xosé  Duncan; con  Christina Moreira, feminista, tradutora e sacerdote; coa educadora sexual, Jeane Costa e con Samuel Solleiro  escritor, músico e tradutor. 

Grazas Biblioteca Ágora por darlle a oportunidade ao noso alumnado de coñecer novas experiencias.

 

Obradoiro “Maldigo a poesía” na Biblioteca Ágora

Este pasado venres o alumnado de 1º BAC -A participou nun obradorio de poesía impartido por Alex e Marijin na Biblioteca Ágora. Relacionaron a poesía e a música e logo crearon os seus poemas. A actividade foi moi enriquecedora para o alumnado. 

Grazas a Alex e Marijin e a Biblioteca Ágora.  

Panxoliñas no Centro de Día Novoboandanza

Na última semana, antes das vacacións de Nadal, compartimos momentos moi emotivos cos usuarios do Centro de día Novoboandanza, situado  preto do instituto. Quixemos así desexarles un Bo Nadal. 

Grazas á colaboración de Maru Cardiel, bibliotecaria do Ágora e á voluntaria Marisi, puidemos unha vez máis intercambiar experiencias e compartir historias cos maiores  pero esta vez centradas nas panxoliñas . Grazas ao coro de música dirixido pola profesora Teresa Méndez e ao grupo de alumnas e alumnos voluntarios, vivimos momentos moi alegres . Este vídeo procura  resumir os instantes vividos. 

Compartimos  o vídeo feito pola Biblioteca municipal Ágora colgado no  Instagram das bibliotecas municipais para felicitar polo Nadal. GRAZAS !