No Agra estamos de sorte. Logo dun entroido anos setenta, veu o entroido pequeno da man do club de lectura de francés cheo da cor e da folie que se pode observar no entroido de Dunkerque. Lemos as tiras de banda deseñada de Carnavaleux, Manon falounos das características desta festa: tipo de vestimena, comida típica…; degustamos as saborosas e diferentes crêpesfeitas polos propios integrantes do club. Só nos faltou levar sombreiros ou perrucas para sentirnos como na primeira fila do desfile!
Malia termos un día chuviñoso, malia organizarmos o acto só un día antes, malia non termos a pantalla de vídeo montada, malia a existencia de voces que din: “para que celebrar a paz cando non a temos?”…,
malia todo…,
as nubes deixaron paso ás raiolas de sol reconfortantes;
malia todo…
nun día fostes quen de atopar esa camisola branca no fondo do armario e situarvos na liña de xiz que previamente axudara a pintar a rapazada do Raquel Camacho para que vós formarades o símbolo humano da paz;
malia todo…
o vicedirector non dubidou en enchufar o seu móbil aos altofalantes para que desde o fondo do patio se escoitase a canción de Antonio Flores mesturada coas vosas voces, acalando esoutras que dicían: “para que celebrar a paz…? E xunto coa pomba que o ano pasado fixerades coa profesora Milagros e que voluntariamente fostes montando, cos caligramas poéticos que fostes colgando na corticeira da entrada e mais coa pancarta que este ano creou o alumnado de 1º da ESO coa profesora Laura Velasco para lervar o vindeiro luns na Cadea humana pola paz e a nonviolencia… conseguistes transmitirnos a vosa xenerosidade, colaboración, ledicia, as vosas ganas de facer e seguir adiante. Sen dúbida, pasos esenciais para a construción da PAZ.
Como? Que non sabedes quen é Astérix? Preguntade na sala de profes ou na casa. De seguro que hai quen vos fale da famosa parella formada por Astérix e Obélix, os irredutibles galos.
Este mércores, o club de francés “Délicieux!” tivo a oportunidade de achegarse ao mundo de Uderzo e Goscinny da man da nosa auxiliar de conversa francesa, Manon, e do voso profesor François, quen nos contou anécdotas ben curiosas sobre estes personaxes. E como a aventura elixida foi Astérix na bretaña, Manon agasallounos cun doce típico da zona, o far breton aux pruneaux. Aquí vos deixamos a receitaco vídeo de preparación e todo para as almas cociñeiras e mais as fotos desa xornada.
A primeira reunión do Club de Francés deixou un bo sabor de boca, non hai dúbida! Lemos sobre a orixe de “La fête de la Toussaint” mentres saboreabamos unhas gorentosas cabazas de galleta con marmelada. Aprendemos a facer o sinxelo “croque monsieur” e o máis elaborado “croque madame”. Ata escoitamos algún chiste en francés! Unha reunión de moi bo proveito en todos os sentidos! Xa sabedes, animádevos a participar na seguinte sesión.