Como non podía ser doutro xeito, a Biblioteca remata o trimestre cun boletín de recomendacións lectoras e de compra para os agasallos de Nadal. Preme na imaxe e vai elixindo.

Reabre este curso a biblioteca volvendo ao seu espazo natural. Os libros, as mesas, as cadeiras, os andeis, recobran uso de seu. Xa vos temos lendo, facendo traballos, buscando información na sala de lectura. Benvidas e benvidos á vosa biblioteca.
Coma sempre, un primeiro contacto con Eva e Nuria, bibliotecarias do centro Ágora para dinamizar actividades conxuntas. Este curso concentraranse en xaneiro, xa que é o X aniversario da biblioteca Ágora.
E un ano máis, fostes vós quen nos destes a enerxía suficiente como para comezar cos clubs de lectura. Este ano van ser sete: Club de banda deseñada, Club Babel, Club de poesía, Club LGTBIQ+, Club de teatro LGTBIQ+, Club de francés e o recén incorporado Club de lectura científico. No que queda de mes poñeremos todos en funcionameto. Esteade atentas e atentos ás convocatorias nas redes sociais e nos anuncios que poñeremos na porta da Biblioteca.
Agradecémoslle á nosa profesora de plástica, a ilustradora Laura Velasco o deseño que será a carta de presentación para o club LGTBIQ+.
Outubro é día sinalado na literatura galega. O Premio Nacional de Literatura recaeu sobre a obra de Xesús Fraga: Virtudes (e misterios). Xa a tedes á vosa disposición desde hai meses.
Onte, Día das escritoras, quixemos que nos nosos andeis desen a cara para así identificar mellor a súa obra.
Velaí vos vai este comezo de curso en imaxes, e se queredes, tamén podedes acceder a todas as nosas actividades no instagram da biblioteca
No IES Agra do Orzán o primeiro club de lectura que se formou foi BABEL. Se nos fixamos no título desta entrada, parece haber unha conexión co nome, non si?
Pero coa torre de Babel, non coa Biblioteca de BABEL, da que Borges nos dá boa conta. A nosa biblioteca é accesible, rectangular e está formada por máis de cinco andeis, con máis de 32 libros cada andel. A nosa biblioteca non existiu ab aeterno, e as bibliotecarias non somos obra do azar ou dos demiúrgos malévolos como no relato borgiano.
Hai catro anos entramos no PLAMBE e para o vindeiro curso BABEL cumpre unha década. No ano 2013-2014 entramos a formar parte do grupo DADO, integrado por institutos da Coruña que comparten inquedanzas lectoras e pouco e pouco fomos medrando.
O nome xenérico do noso club de lectura conecta máis con estoutra foto, tirada do artigo que La Voz de Galicia publicou en 2018 e que podería ser, tranquilamente, do xornal de hoxe. Somos diversidade con inquedanzas lectoras diversas. De aí a oferta variada de clubs de lectura que temos partindo de Babel hoxe en día. De aí que non tardase nada en saír do armario o noso querido club LGBTIQ+
Previsións para o futuro? Reactivar plenamente a cooperación coa Biblioteca Ágora, Reactivar o club de francés Délicieux, crear un de lectura en portugués… mais sempre procurarmos satisfacer as necesidades lectoras do noso alumnado diverso e único.
E comezamos pola Feliz Idade. Porque este pasado xoves a autora galega Olga Novo gañou o Premio Nacional de Poesía 2020 coa obra Feliz Idade. Premio máis que merecido logo de levar galardóns como o mellor libro de poesía do ano na Gala do Libro Galego.
Neste poemario autobiográfico Olga entrecruza dúas vidas que marcan a dela mesma: a vida chea de futuro da filla que lle nace e a vida noutrora sabia, rexa, agora caduca do alzhéimer pero presente “mentres a herba medre” do pai que esmorece.
Tedes este título na biblioteca agardando pola vosa lectura.
E se falamos de caducidade , non podemos deixar de nomear o outono e con el os magostos, o tempo de cabazas, de Samaín, de difuntos…
Este ano queremos encher a Rede cos vosos relatos de medo e coas vosas cabazas virtuais. Mandádenos as vosas creacións dixitais (ou enviádenos a foto desa cabaza confeccionada por vós na casa) ao correo da biblioteca: bibliotecaagra@gmail.com e nós encargarémonos de subilas ás nosas redes sociais.
Gozade da poesía neste outono
(Reticências, 1990)
O instituto Cervantes elixiu este verso de Joan Margarit, “La libertad es una librería”, para emmarcar a semana cervantina que culminará o Día do libro. Se entrades virtualmente na Caixa das Letras do instituto Cervantes veredes o legado que este autor depositou na súa, a 1019 (unha vez dentro, no segundo paso que dades, na parede da esquerda, teredes que cear para localizala, a primeira caixa dourada que está pegada ás sete en vertical é a do último premio Cervantes).
Do mesmo xeito que esas caixas gardan o legado de persoeiros das letras, do cine, da arte, da música, da danza, do teatro ou da ciencia, nas librarías gárdase a liberdade, tan preciada neste único día en que vivimos, como ben di o voso profesor de Filosofía Lalo.
E mentres non abran as nosas librarías de barrio para achegármonos aos novos títulos e levalos para ler, aquí tedes algunhas recomendacións, a modo de boletín de abril, de editoriais e librarías virtuais que xenerosamente nos deixan adentrarnos no seu espazo para sermos libres.
GaliciaLe. Plataforma do libro electrónico da biblioteca públicas galegas onde atoparás obras en formato dixital de temáticas diversas (ficción, informática, historia, lecer etc.) . Permite rexistrarse sen carné da biblioteca durante o estado de alarma polo COVID-19
Biblioteca virtual Miguel de Cervantes. Acceso de balde aos títulos da biblioteca virtual, nos seus portais de literatura española, americana, letras galegas…
Biblioteca Virtual da Real Academia Galega. Biblioteca da R.G dedicada a autoras e autores galegos.
Proyecto Gutenberg. Permite o acceso á máis de 40.000 títulos de libros de dominio público libres de dereitos.
Bivir: Biblioteca Virtual da Literatura Universal en Galego. Biblioteca sobre literatura universal en galego impulsada pola Asociación de Tradutores Galegos ( ATG).
Páxina Lg-3 de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Con 72 títutlos á vosa disposición.
Biblioteca nacional. Ten un portal libre e gratuito dos documentos dixitalizados da biblioteca.
As bibliotecas municipais da Coruña tamén nos informan de como usar a biblioteca do barrio desde a casa.
Libro Total: literatura clásica e non tan clásica en formato dixital. Inclúe audio-libros, guías de lectura, comentarios, fotografías….
Bubok. É unha web onde os autores poden autopublicar o seu libro e polo a disposición dos lectores. Algúns son gratuítos. Conta con títulos en galego.
Feedbooks. No apartado de Dominio público ofrece libros libres de dereitos e orixinais gratuítos.
A través do cancelo #keepreadingencasa o Grupo Planeta pon á nosa disposición actividades e recursos: directos, recitais,consellos, lecturas, fragmentos, poesía, láminas, xogos, etc.
Roca Editorial ofrece un extenso listado de libros electrónicos gratis para ler na casa mientras dure a corentena.
E se aínda tedes alma de nena e de neno, ou para os fedelliños da casa non deixedes de visitar:
BAÍA EDICIÓNS: acceso gratuíto a contos por idades.
KALANDRAKA TV: un conto contado cada día (hainos en castelán e en galego).
CONSORCIO EDITORIAL: permite o acceso libre á lectura de varios exemplares do seu cómic O Papagaio.
BRUÑO: acceso gratuíto a varios libros.
XERAIS: acceso gratuíto a varios contos de distinto nivel.
PANDEMIA DE CONTOS: vídeo-contos para diferentes idades (infantil, familiar e adulto) do colectivo NOGA, narración oral galega.
CONTOS PARA DESPOIS DAS OITO E VINTE: relatos infantís lidos polo colectivo Biblos Clube de Lectura. Biblos Clube de Lectura propón a lectura dun conto despois de rematar cos aplausos a todas as persoas que están axudando de maneira máis directa neste momento de coronavirus. Como os aplausos son ás oito, ofrécennos “contos para despois das oito e vinte” para que nos dea tempo a ter rematado de aplaudir, lavar as mans e sentar a escoitar unha historia para despois cearmos con tranquilidade.
Dámoslles as grazas e o noso aplauso a todas estas iniciativas, aos libreiros e ás libreiras, por achegárnos a liberdade. E que mellor música de fondo que estoutra liberdade de Aute