Aquí tendes a ligazón ao blog do Grupo DADO sobre a gala das Letras Galegas e o I Concurso de Microrrelatos.
Arquivo por etiquetas: Concurso microrrelatos 2017
Entrega de premios
Hoxe tivemos na entrada do instituto a entrega dos seguintes premios:
Concurso de microrrelatos organizado polo GRUPO DADO:
1º premio Categoría A : Paula Salgado Torres 1º ESO-B
2º premio categoría B: Xoana González García 1º BAC -A
Concurso ” Cartas de Amor”, organizado por Normalización Lingüística:
Carla Queijo Couto 4º ESO B Antenas de Información Juvenil do Concello : Mika Crespo y María Hermida
Foto de grupo cos participantes no concurso de microrrelatos
MÁIS MICRORRELATOS
Deixámosvos máis microrrelatos que se presentaron ao concurso organizado polo GRUPO DADO formado por 6 clubs de lectura da cidade.
SORRISO
Cada vez que a vía, el brindáballe un sorriso. O seu sorriso.
O que lle daba a entender que todo estaba ben, o que dicía que non había razóns para preocuparse, o sorriso que a protexía.
O seu sorriso estaba sempre presente cando estaban xuntos; incluso nos momentos tristes ou cando se bicaban estaba aí, radiante coma sempre.
E esa foi sempre unha das moitas razóns polas que Lucy amaba a Natsu.
Polo seu sorriso.
SARA AÑÓN SÁNCHEZ. 2º ESO A
CATEGORIA A
FILLOS DA NOITE
Dende hai uns anos sabemos duns seres perversos no mundo. Cóntanse historias terroríficas: nenos que non volven do bosque, rapazas que desaparecen na noite, familias que se esfuman nos seus fogares. Todo llo atribuímos a esas criaturas. Criaturas que se organizan en clans e cazan aos nosos. Tortúrannos, cortan os nosos cabeiros, expóñennos ao sol durante días ata que morremos ou simplemente déixannos tirados coma lixo cunha estaca no corazón para admirar a súa gran fazaña. Asexan nas sombras, utilizando elaborados artefactos. Non sabemos de onde saíron, pois criámolos mitos, lendas, só contos para asustar aos nenos e que sexan boíños. Tentamos falarlles, pero son desconfiados e asustadizos e só zumegan egoísmo, o de ser a única raza, a vencedora. Son tan simples e un tempo tan complexos que manter as distancias parecía o mellor, pero nos rodean, nos emboscan, nos asfixian.
Démoslles o nome de “humanos”.
ALEXA WILKINS VALLE. 4º ESO B
CATEGORIA B
ALICE
Era a fin do inverno na estepa siberiana e os animais empezaban a mudar a pelaxe.
No preciso instante no que Alice lle cortou a cabeza a aquel coello branco o ceo succionouna, devolvéndoa ao seu sitio a tempo de observar o nacemento da primavera. Seguía co coitelo ensanguentado na man e o seu fiel can ao lado, coa súa característica expresión burlona. De camiño á casa viu unha muller vestida de vermello; parecía ter un gran corazón pero nunca o saberemos: cortoulle o pescozo sen darlle tempo de falar. Horrorizado, o cadelo fuxiu da que xa non consideraba a súa amiga.
Ao chegar á casa de madeira no medio de ningures, Alice puxo na mesa as cabezas, engadíndoas á súa colección e tinguindo de sangue o vello sombreiro, a lascada teteira, os pratos rotos, o parado reloxo de peto, incluso un flamenco rosado que trouxera da súa última viaxe.
ALICIA MARTÍNEZ ANSEDE, 4º ESO A
CATEGORIA B
LITTLE RED HIDING BLOOD
A rapaza da carapucha branca saíu pasear ao bosque, co cesto de vimbias, cantaruxando unha doce melodía. Os animais fuxiron espavorecidos. Nas súas mans reluciu un machado. Esnaquizando todo animal que non atopase agocho, soltando gargalladas cando unha cabeza saía despedida, seguiu ao lobo ata a casiña dunha anciá. Entrou saudando amablemente. Antes de que a anciá preguntase polo seu aspecto (ollos arroibados, roupa esgazada, pelo enmarañado, carapucha con manchas vermellas) xa estaba partida en dous. Só puido ver o seu sangue na carapucha, uníndose a aquel collage de horror.
Almorzou un estufado de ingredientes naturais e carne de primeira calidade. O máis saboroso, os corazóns do lobo e da anciá, cun exquisito resaibo a terror.
A historia estendeuse rápido. Os nenos chámana “Carapuchiña Vermella”. Disfrázanse, xogan, asústanse. Será invención ou existirá esa terrible asasina? Non lle darei máis voltas: son a única que non debe preocuparse por iso.
CARLA QUEIJO COUTO. 4º ESO B
CATEGORIA B
GAÑADORES DO CONCURSO DOS MICRORRELATOS
Parabéns a PAULA SALGADO TORRES de 1º ESO-B polo microrrelato DISPARA, obtivo o 1º Premio da categoría A do concurso.
DISPARA!
Hoxe, volvo da guerra. Despois de tantas batallas perdidas, por fin son libre, pero isto non é motivo para estar ledo, porque ao chegar á casa, o monstro estarame agardando.
Hoxe, rematan as clases. Despois de tantos exames suspensos, por fin podo descansar, pero non debería estar ledo, porque ao chegar á casa, mamá estarame agardando.
Noraboa tamén a XOANA GONZÁLEZ GARCÍA de 1º BAC -A polo 2º premio da categoría B co microrrelato INTRAVENOSO
INTRAVENOSO
O seu inimigo sorría fronte a el . Cunha mirada desafiante, os seus ollos indicábanlle a verdade: coñecía todos os seus segredos.
A tensión fíxoos explorar e , fartos un do outro, lanzáronse unha puñada que rompeu, incluso, o espello.
Parabéns a Alicia Martínez Ansede de 4º ESO-A, que quedou finalista na súa Categoría B, polo microrrelato COR.
COR
Espertei nun mundo gris, onde os obxectos grises non se distinguían. Onde as persoas grises, coma nós, non destacaban no manto cincento do planeta. Ata o sol brillaba gris no gris horizonte. Ser saír ou pórse, só sigue cara algo máis escuro.
Camiñei pola avenida escura, coa xente solitaria, cega. Sempre sen rumbo, cara a escuridade máis brillante.
Unha nena chea de cor apareceu na escura rúa, pero ninguén parecía vela. Estaba soa e asustada por non seguir ao resto, pero tras das bágoas parecía libre. Feliz.
Tentei collerlle a man, acollela na miña casa gris, pois era o correcto. Miroume sorprendida e quixo soltarse. Fun tranquilizala con grises palabras. Alterouse máis. De verdade cría no que dicía? Non importaba. Turrou de min e conseguiu que cedera un paso cara o seu mundo. O que dicía si importaba, todo importaba…
Solteina y mirei o ceo azul.
O sol estaba saíndo.
Deixámosvos os dous vídeos finalistas na categoría C, colaboraron na parte técnica BRANDON MORGADE DE 2º ESO- A e GABRIEL ALONSO de 1º BAC -B.
Concurso de microrrelatos 2017
CONCURSO DE MICRORRELATOS
A Biblioteca e o Club de Lectura BABEL do instituto, xunto cos clubs de lectura do IES Monelos, IES Monte das Moas, IES Elviña, IES Menéndez Pidal e IES Rafael Dieste, que forman o Grupo DADO, están a organizar o seguinte concurso de microrrelatos en lingua galega en colaboración coa Biblioteca do Ágora.
1.- REQUISITOS DO TEXTO
Os textos terán que ser escritos en galego e terán unha extensión máxima de 150 palabras, sen incluír o título.
Serán orixinais, inéditos en calquera medio e/ou soporte (incluído online) e non terán sido premiados en ningún certame con anterioridade. As persoas participantes responden ante o seu centro e ante as Bibliotecas Municipais da Coruña da autoría e orixinalidade do microrrelato, asumindo a total responsabilidade ante terceiros.
En canto á temática, será valorado moi positivamente que estea relacionada cun dos libros lidos o presente curso nalgúns dos clubs de lectura dos 6 institutos que integran o Grupo Dado; pero non é obrigatorio.
2.- ENVÍO DOS ESCRITOS
Os microrrelatos orixinais deberán ser remitidos por correo electrónico ao encargado/a da biblioteca de cada IES que participa neste proxecto No asunto deberá figurar “Certame Microrrelatos-GRUPO DADO”.
3.- PRAZO DE PRESENTACIÓN
O prazo de presentación dos textos comeza o 15 de marzo e remata o 15 de abril.
Coñecidos os microrrelatos gañadores por centro, abrirase unha nova convocatoria a concurso que será a da súa presentación orixinal e creativa no Ágora o Día das Letras Galegas. Para apuntarse a esta categoría tamén haberá que dirixirse á persoa responsable de cada biblioteca de centro nun prazo extraordinario que terá lugar entre o 20 de abril e o 5 de maio.
4.- RESOLUCIÓN DO XURADO
Estará composto por persoas designadas polas Bibliotecas Municipais da Coruña. Os autores seleccionados serán notificados vía telefónica para estar presentes no acto de entrega do premio que se realizará no Centro Ágora con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
5- PREMIOS
CATEGORÍA A: 1º e 2º de ESO
1º premio: 60 euros nun vale dunha librería coruñesa + agasallo literario
2º premio: 40 euros nun vale dunha librería coruñesa + agasallo literario
CATEGORÍA B: 3º e 4º ESO; 1º e 2º de BAC
1º premio: 60 euros nun vale dunha librería coruñesa + agasallo literario
2º premio: 40 euros nun vale dunha librería coruñesa + agasallo literario
CATEGORÍA C: Pola orixinal presentación no Ágora dos Microrrelatos escollidos por cada centro con este fin
1º premio: 60 euros nun vale dunha librería coruñesa + agasallo literario
2º premio: 40 euros nun vale dunha librería coruñesa + agasallo literario