A Biblioteca e mais o Equipo de Dinamización da Lingua (EDLG) quixemos celebrar da man estes dous días tan sinalados. Coa Rosalía como luceiro guía, quixemos simbolizar todas esas autoras “invisibles” que temos nos andeis. Foi un acto sinxelo mais necesario.
En primeiro lugar leuse o MANIFESTO DA ASOCIACIÓN ESCRITORES ESCRITORAS EN LINGUA GALEGA (AELG). “ERRANTES POLO MUNDO ANDAMOS”, logo un vídeo para coñecermos algo máis a vida de Rosalía, logo CINCO COUSAS QUE QUIZAIS NON SABIADES DE ROSALÍA e fixádevos se a nosa autora é importante que ATA XA HAI UNHA ESTRELA CO SEU NOME. Como sabemos que hoxe en día o nome de Rosalía vos trae á mente outra muller, amosámovos o traballo que sobre o poema rosaliano “Castellanos de Castilla” e a canción “Malamente” fixo o alumnado do CPI As Mirandasde Ares.
Rosalía sempre reivindicou a igualdade entre os xéneros. Pois ben, igualdade, esa é a temática central da celebración do 8M deste ano.
Escoitastes atentamente AS PALABRAS DA DIRECTORA DE ONU MULLERES (Phumzile Mlambo-Ngcuka) e reflexionastes cos DATOS QUE NOS AMOSAN A DESIGUALDADE existente aínda hoxe en día. Por último, o alumnado de Francés amosounos a súa visión ante o caso Polansky que suscitou grande polémica en Francia.
Desde aquí, agradecerlles ás presentadoras e presentadores do acto a súa xenerosidade; a todas e todos vós, o respecto que amosastes durante este sinxelo, pero necesario, acto para toda a comunidade educativa.