COMPARTINDO LECTURAS NA DIVERSIDADE

No IES Agra do Orzán o primeiro club de lectura que se formou foi BABEL. Se nos fixamos no título desta entrada, parece haber unha conexión co nome, non si?

Pero coa torre de Babel, non coa Biblioteca de BABEL, da que Borges nos dá boa conta. A nosa biblioteca é accesible, rectangular e está formada por máis de cinco andeis, con máis de 32 libros cada andel. A nosa biblioteca non existiu ab aeterno, e as bibliotecarias non somos obra do azar ou dos demiúrgos malévolos como no relato borgiano.

Hai catro anos entramos no PLAMBE e para o vindeiro curso BABEL cumpre unha década. No ano 2013-2014 entramos a formar parte do grupo DADO, integrado por institutos da Coruña que comparten inquedanzas lectoras e pouco e pouco fomos medrando.

O nome xenérico do noso club de lectura conecta máis con estoutra foto, tirada do artigo que La Voz de Galicia publicou en 2018 e que podería ser, tranquilamente, do xornal de hoxe. Somos diversidade con inquedanzas lectoras diversas. De aí a oferta variada de clubs de lectura que temos partindo de Babel hoxe en día. De aí que non tardase nada en saír do armario o noso querido club LGBTIQ+

Previsións para o futuro? Reactivar plenamente a cooperación coa Biblioteca Ágora, Reactivar o club de francés Délicieux, crear un de lectura en portugués… mais sempre procurarmos satisfacer as necesidades lectoras do noso alumnado diverso e único.