LECTURAS PARA O VERÁN

Logo dun último trimestre cheo de actividades que puidestes seguir no noso ínstagram, recomendámosvos a lectura duns dos últimos títulos adquiridos na biblioteca. Esperamos que sexan do voso gusto.

Gozade do verán

Gozade da lectura e, se é con música de fondo, presta máis, non si?

SEGUNDO TRIMESTRE E BOLETÍN DE ABRIL

Malia que non o pareza, xa vai aló o segundo trimestre de curso.

Como podedes ver polo noso instagram, nestes tres meses, na biblioteca vivimos intensamente: o X aniversario da Biblioteca Ágora a través dun mes de xaneiro onde concentramos a alfabetización informacional que realizamos conxuntamente; o Día da Paz e non violencia e o Día da Ilustración; o mes de febreiro rosaliano e da lingua materna coa visita dunha Rosalía moi particular que nos presentou a súa vida e obra; o Entroido tan desexado logo destes últimos dous anos de máscara obrigada e non desexada; o Día internacional da muller; o Día da poesía…

Se no primeiro trimestre tivemos a visita de Séchu Sende, neste segundo gozamos da presenza de Andrea Maceiras para falarnos de Europa Express.

Un ano máis tivemos a sorte de poder asistir ao festival Con Voz de Primavera que organiza a Asociación veciñal Agra do Orzán onde o noso alumnado tivo un papel protagonista na representación da obra Finlandia.

E xa para finalizar, aquí tedes o acostumado Boletín de abril con recomendacións lectoras.

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

Onte celebramos as Xornadas de Bibliotecas Escolares onde o lema deste ano é “A biblioteca escolar ten a palabra” e o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela encheuse de palabras:

  • Palabras sabias como as de Carlos Escolari que transmitían novas oralidades, que falaban futuro para a memoria oral… ou as de Susana Pedreira e a ética da palabra
  • Palabras cotiás alicerce dos grandes conceptos filosóficos como as que nos trouxo Manuel Andrade do CEE Manuel López Navalón, quen nos presentou o seu alumnado de carpintaría, verdadeiros “makers”, artesáns da palabra na biblioteca
  • Emotivas palabras radiofónicas de Purificación Vázquez Silva do CIFP Ánxel Casal da Coruña que nos achegou o legado de Carmen Loriga Tomé, alma da creación da radio escolar
  • Palabras musicais de Rafael Sánchez-Agostino do CEIP A Lama que nos permitiron escoitar os instrumentos do Pórtico da Gloria
  • Palabras menciñeiras de Alicia Nimo do CEIP Plurilingüe de Outes vinculando a oralidade no marco do PDI “Mens sana in corpore sano”
  • A palabra multifiunción na biblioteca de Aurora Ramilo do CEIP plurinlingüe de Leirado que recita, narra, informa, dramatiza, conversa, entrevista…
  • A palabra dos clubs de lectura que nos trouxo Anxos Rial do IES Sánchez Cantón
  • E como non, a palabra do conto, a oralidade do conto, a reivindicación da literatura oral tradicional pura, diversa, cambiante, chea de vida que nos trouxeron Pep Bruno e Paula Carballeira. A necesidade de contar, a oralidade como paso previo á literatura, a importancia de conservar a oralidade para conservar a lingua, a cultura.

“É importante facer imaxinar a través das imaxes que poden crear as nosas palabras” Paula Carballeira.

RETOMANDO A NORMALIDADE PASENIÑO PERO SEN PAUSA

Reabre este curso a biblioteca volvendo ao seu espazo natural. Os libros, as mesas, as cadeiras, os andeis, recobran uso de seu. Xa vos temos lendo, facendo traballos, buscando información na sala de lectura. Benvidas e benvidos á vosa biblioteca.

Coma sempre, un primeiro contacto con Eva e Nuria, bibliotecarias do centro Ágora para dinamizar actividades conxuntas. Este curso concentraranse en xaneiro, xa que é o X aniversario da biblioteca Ágora.

E un ano máis, fostes vós quen nos destes a enerxía suficiente como para comezar cos clubs de lectura. Este ano van ser sete: Club de banda deseñada, Club Babel, Club de poesía, Club LGTBIQ+, Club de teatro LGTBIQ+, Club de francés e o recén incorporado Club de lectura científico. No que queda de mes poñeremos todos en funcionameto. Esteade atentas e atentos ás convocatorias nas redes sociais e nos anuncios que poñeremos na porta da Biblioteca.

Agradecémoslle á nosa profesora de plástica, a ilustradora Laura Velasco o deseño que será a carta de presentación para o club LGTBIQ+.

Outubro é día sinalado na literatura galega. O Premio Nacional de Literatura recaeu sobre a obra de Xesús Fraga: Virtudes (e misterios). Xa a tedes á vosa disposición desde hai meses.

Onte, Día das escritoras, quixemos que nos nosos andeis desen a cara para así identificar mellor a súa obra.

Velaí vos vai este comezo de curso en imaxes, e se queredes, tamén podedes acceder a todas as nosas actividades no instagram da biblioteca

BOLETÍN VERÁN 2021

Logo dun curso cheo de incertezas e valentía chegamos ás tan agardadas vacacións estivais.

Demostrastes fortaleza e resilencia. Por fin é hora de descansar, recuperar esas materias que nos quedaron para setembro e cargar as pilas para o vindeiro curso.

Desde a Biblioteca desexámosvos un verán para o recordo cheo de saúde, sorrisos, ilusión e como non, de lecturas que vos transporten onde quixerdes.

COMPARTINDO LECTURAS NA DIVERSIDADE

No IES Agra do Orzán o primeiro club de lectura que se formou foi BABEL. Se nos fixamos no título desta entrada, parece haber unha conexión co nome, non si?

Pero coa torre de Babel, non coa Biblioteca de BABEL, da que Borges nos dá boa conta. A nosa biblioteca é accesible, rectangular e está formada por máis de cinco andeis, con máis de 32 libros cada andel. A nosa biblioteca non existiu ab aeterno, e as bibliotecarias non somos obra do azar ou dos demiúrgos malévolos como no relato borgiano.

Hai catro anos entramos no PLAMBE e para o vindeiro curso BABEL cumpre unha década. No ano 2013-2014 entramos a formar parte do grupo DADO, integrado por institutos da Coruña que comparten inquedanzas lectoras e pouco e pouco fomos medrando.

O nome xenérico do noso club de lectura conecta máis con estoutra foto, tirada do artigo que La Voz de Galicia publicou en 2018 e que podería ser, tranquilamente, do xornal de hoxe. Somos diversidade con inquedanzas lectoras diversas. De aí a oferta variada de clubs de lectura que temos partindo de Babel hoxe en día. De aí que non tardase nada en saír do armario o noso querido club LGBTIQ+

Previsións para o futuro? Reactivar plenamente a cooperación coa Biblioteca Ágora, Reactivar o club de francés Délicieux, crear un de lectura en portugués… mais sempre procurarmos satisfacer as necesidades lectoras do noso alumnado diverso e único.